Este libro-disco é o resultado de máis de setenta colaboracións doutras tantas persoas pertencentes ao mundo da música, da literatura, do periodismo, da ilustración..., colaboracións que enchen de orgullo e agradecen inmensamente todas e todos os compoñentes de Luar Na Lubre, con Bieito Romero á batuta. Valoran dun xeito moi especial tanto esforzo e paciencia achegados durante este proceso de creación e, ao mesmo tempo, desexan que resultase gratificante esta esperanzadora &encrucillada& de proxecto compartido. *** "Luar Na Lubre XX & Encrucillada" é o vixésimo traballo discográfico de Luar Na Lubre, por unha banda, agasallo para o seu público na forma de libro (divulgativo do seu percorrido de case corenta anos na historia da música folk na Galiza) & CD (integrado por dezaséis temas) e, por outra, un emocionante e agradecido encontro con amigas e amigos nese cruzamento de múltiples camiños no que Galiza e Luar Na Lubre se unen a distintas e complementares expresións culturais.