&Sopa de polo con arroz, libro dos meses& e &Miguel, conto exemplar en cinco capítulos e un prólogo& son as divertidas versións de Xosé Ballesteros para unha destacada serie de clásicos de Maurice Sendak, de 1962, da que tamén forman parte &Os caimáns van de paseo, un alfabeto& e &O un era Xoán, un libro para contar&. Dende patinar sobre xeo en xaneiro ata converterse en árbore de Nadal en decembro, pasando polos ventos de marzo, os calores de agosto ou viaxar polo mundo o resto do ano, &Sopa de polo con arroz& é un singular almanaque cun poema para cada mes. Os seus saborosos versos alimentan a imaxinación e revitalizan o sentido do humor.